Saturday 04 de May de 2024

O PSOE de Miño potenciará o seu pioneiro plan de alugueiro social ampliando o parque de vivendas dispoñibles


• O equipo socialista redobrará a súa aposta pola política social negociando coa SAREB e outras institucións a cesión de máis residencias baleiras para ofrecer a familias en situación de vulnerabilidade

O Partido Socialista de Miño demostrou durante o último mandato a súa decidida aposta por desenvolver políticas sociais que faciliten e melloren a vida dos veciños e veciñas do municipio. Dentro desa intención desenvolveuse no 2021 o convenio coa SAREB para converter os restos da burbulla inmobiliaria en vivendas de alugueiro social. Agora, para a seguinte lexislatura, o equipo socialista de Miño comprométese a ampliar o parque de vivendas dispoñibles para seguir ofrecendo unha solución ás familias en situación de vulnerabilidade.

O plan, incluído no programa electoral, contempla a apertura de negociacións de novo coa SAREB ou con outros organismos que dispoñan en Miño de vivendas baleiras para ampliar o actual número de 12 dispoñibles a un prezo máximo de 170 euros. A partir de concretar máis convenios de colaboración, as entidades poderán darlle uso a residencias infrautilizadas e os núcleos familiares que non poidan acceder a un fogar a prezo de mercado terán a posibilidade de gozar dunha vivenda, no que é unha garantía de cumprimento dun dos dereitos recolleitos pola Constitución Española.

Deste xeito, o equipo encabezado polo actual alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, continuará potenciando o seu pioneiro plan de alugueiro social, que agora tamén está en marcha en ámbito estatal tras ser impulsado polo goberno socialista de Pedro Sánchez. Así, dun antigo problema como a burbulla inmobiliaria e a construción por encima da demanda, Miño está a construír unha solución para mellorar a vida de familias que non deberían ter por que padecer problemas económicos por pretender residir nunha vivenda digna.